Moi boas, son Chema e hoxe comezo un novo espazo neste marabilloso Blog no cal tratarei de dar un pronóstico do tempo para a nosa comarca o mais acertado posible.
Aquí estarei para face-lo mellor posible e tratar de mellorar e aprender con todos. Eu son afeccionado a meteoroloxía dende moi rapaz e ademais licenciado en xeografía, onde tamén ampliei os meus coñecementos neste mundo.
As predicións aquí amosadas serán o resultado do seguimento diario que fago dos distintos modelos (GFS, ECMWF, HIRLAM, WRF) e da miña interpretación.
Comentar que as predicións locais son sen cadra mais complicadas. Poñamos algún exemplo ilustrativo do que vos quero contar; Podemos ter unha borrasca con choivas importantes pola meirande parte de Galicia e aquí ter algunha choiva pouco importante (este martes en moitos puntos de Galicia superáronse os 30 litros por metro cadrado, incluso os 60 litros, mentres que na nosa comarca caeron uns 5 litros por metro cadrado). Outras veces temos un anticiclón que envía ventos de compoñente nordés, toda Galicia goza de bo tempo e ceo despexado, mentres a nosa comarca esta toda pechada en néboa en con algunha precipitación nas zonas mais expostas.
Tamén matizar que as predicións feitas na primavera e no outono son mais complexas e poden cambiar dun día para outro. Os centros de acción que caracterizan o clima da nosa rexión están mais móbiles. Nalgunhas configuracións é doado predicir o tempo a unha semana vista, pero noutras, incluso a un día é moi complicado.
Despois dun inverno bastante chuvioso e cheo de temporais todos queredes o bo tempo, aínda que non temos que esquecer que o mes pasado xa gozamos de 15 días ben fermosos. Comezamos este mes con inestabilidade e algunha precipitación pero tamén con algún momento de sol, tempo tipicamente primaveral . De cara a fin de semana o anticiclón das azores tendera a achegarse propiciando unha mellora sensible do tempo, aínda que ata a xornada do domingo non se notara gran cousa. A vindeira semana, indo xa moi lonxe e con menos probabilidades de acerto parece que o tempo primaveral seguira con nos, sendo mellores os primeiros días, luns e martes, ainda que coa posibilidade dalgunha tormenta polas tardes, logo a tendencia é a de volver a inestabilizarse a atmosfera…nada fora do normal...pero queda un mundo.
Faremos a continuación o pronóstico para os próximos tres días:
-Venres día 4; será un día con moita nubosidade e algunha choiva, que en xeral será miúda pero pode que por momentos continua. O día será un pouco peor que o de hoxe. As temperaturas seguiran en valores parecidos os de hoxe e o vento será moderado con compoñente suroeste.
-Sábado día 5; a primeira metade do día moi parecida a do venres con tendencia a mellorar pola tarde e desapareceren as choivas febles, as temperaturas tenderan a subir e os ventos serán moderados cunha compoñente suroeste.
-Domingo día 6; previsiblemente teremos o mellor día da semana, con abundantes claros ou incluso despexado e xa sen choiva ningunha, as temperaturas subiran moderadamente e os ventos tenderan a frouxos de compoñente suroeste.


